Tuesday 14 de May de 2024

Comezan as obras da senda peonil que mellorará a seguridade viaria nos accesos ao tanatorio e á Casa do Concello de Frades


As obras, orzamentadas en case 50.000 euros e cun prazo de execución de dous meses, obrigarán a cortar un dos carrís da estrada que une Ordes e Ponte Carreira

O Concello de Frades vén de iniciar as obras de construción dunha senda peonil de 335 metros entre o tanatorio de Moar e a Casa do Concello de Frades, ao longo da estrada provincial DP 3902 Ordes-Ponte Carreira. Uns traballos orzamentados en 49.170 euros (máis IVE) e que teñen un prazo de execución de dous meses.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que se trata “dunhas sendas peonís que mellorarán a seguridade viaria dos veciños e veciñas de Frades que teñan que acceder á Casa do Concello ou ao tanatorio”. Rey Martínez, que hoxe visitou as obras canda o concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro, amosou o seu agradecemento á Deputación Provincial da Coruña e ao seu presidente, Diego Calvo, “pois son unhas obras polas que levamos loitando moito tempo e que finalmente se fan realidade”.

Características dos traballos

As obras consisten na construción dun andén peonil de 1,5 metros de ancho no núcleo de Cimadevila para comunicar a Casa do Concello co tanatorio de Moar, separados por unha distancia de algo máis de 335 metros. Ese andén constará dunha subbase granular e unha capa de mestura bituminosa en quente, que estará separado da beiravía da estrada por un bordillo de formigón prefabricado.

Así mesmo, procederase ao drenaxe da zona e a canalización da auga por un entubado de PVC, cos seus correspondentes pozos e sumidoiros de rexistro. Ademais colocaranse dous tubos de protección para unha futura instalación de alumeado público.

Sinalización

O alcalde de Frades interesouse especialmente por como se van desenvolver estes traballos, sobre todo porque se trata dunha das estradas máis concorridas do municipio, polo que comprobou “in situ” o dispositivo especial de sinalización que se implantará neste tramo da estrada DP-3802 durante as obras. “Os traballos desenvolveranse primeiro pola marxe dereita da estrada e despois pola esquerda, de modo que en todo momento se manterá en servizo un dos carrís”, explica Roberto Rey. Así, mentres os operarios están traballando na calzada, o paso alterno de vehículos estará regulado por semáforos, que se retirarán cando non se estea traballando.